Pero Vigo, a pesar da importancia e beleza do seu litoral, é moito máis que iso: é unha cidade cunha dinámica e fértil axenda cultural, con múltiples e variadas oportunidades para o ocio, a formación ou a diversión.
É tamén unha cidade que, aínda sendo nova, garda valiosas pegadas da súa historia, nos seus museos e nas súas rúas. En toda a cidade hai mostras valiosas das correntes arquitectónicas de cada época, que dan beleza e carácter a esta nova cidade que hoxe é Vigo, eminentemente industrial e de servizos.
Tampouco esquece Vigo o seu pasado de vila mariñeira: No centro da cidade, mirando ao mar, atópase o casco vello, que agocha rincóns de alto interese turístico, como o antigo barrio de mariñeiros de O Berbés, a rúa dos cesteiros, a Praza da Constitución, a rúa Real ou " Mercado da Pedra ".